Abril Camino


A contraportada dos meus libros di que «Abril Camino naceu na Coruña en 1980», mais non estou moi de acordo. Abril Camino, tal como a coñecedes se chegastes ata esta sección da miña web, naceu na primavera de 2015, nese momento tolo en que decidiu dedicarse a escribir historias. Non vou dicir que toda a miña vida soñara con ser escritora, porque sería mentira. Algunha vez me pasara pola cabeza, pero non foi ata un aburrido domingo de marzo cando a miña mente fixo un clic que cambiou todo.

Autopubliquei a miña primeira novela en castelán en xuño do 2015 e a miña vida cambiou. Vaia se o fixo. Co paso dos anos e moitísimas horas roubadas a calquera outra afección (e tamén aos traballos que me daban de comer, non vos vou a mentir), tiven a enorme sorte de poder dedicarme en exclusiva á escrita. Durante uns anos, combinei a autopublicación coas miñas primeiras experiencias en editoriais tradicionais (publiquei Mi mundo en tus ojos en 2018 con Titania e Imposible canción de amor en 2019 con Ediciones B). En setembro de 2021 convertinme en autora da Editorial Planeta, onde publiquei Las 27 citas de Charlotte May e Nuestro último verano en la isla, ademais da reedición do meu best-seller autopublicado, La petición de Olivia.

Dende o comezo da miña carreira, combinei a escrita en castelán e en galego, as miñas dúas linguas maternas. A comezos do 2025, decidín enviar o que consideraba o meu mellor manuscrito en galego ao Premio Xerais. O 22 de maio recibín a chamada na que me comunicaban que resultara premiada. É quizais a nova que máis feliz me fixo en dez anos de carreira profesional. Mulleres que viven xuntas publicouse o 2 de outubro de 2025.

Dicía antes que teño a sorte de poder dedicarme en exclusiva á escrita, pero son demasiado inqueda para quedarme só aí. Por iso, encántame continuar en contacto coa que foi a miña vida profesional antes de que a escrita chegase para poñelo todo patas para arriba: a edición de libros e a docencia. Na sección de Servizos editoriais, podedes atopar toda a información sobre os cursos que imparto e os meus servizos de asesoría literaria.

Ademais, teño un podcast literario, desquiciado e feminista xunto á miña compañeira e amiga María Nieto. Chámase Desquiciadas de Libro e podedes atopar toda a información e os episodios publicados pinchando sobre o seu título.

Cando aparco á Abril Camino que escribe, nada me gusta máis que subir a un avión e descubrir un novo lugar do mundo. Ou volver ao Alentejo. Ou a Londres. Tamén acariño cans descoñecidos pola rúa. Podería vivir de noite e durmir de día. Só concibo a tortilla de patacas con cebola e a Coca-Cola sabor orixinal. Adoro cousas tan aleatorias como o hóckey a patíns, o true crime ou o fado. Trato de que me guste facer deporte, pero sei que xamais ocorrerá. E a felicidade, para min, é unha mañá ao sol da Rapadoira.

Iso son, non hai moito máis. Se queredes coñecerme, nesta web está recompilado todo o meu traballo dos últimos dez anos. E nas entrevistas que me fixeron nalgúns medios podedes coñecer algunhas das miñas opinións. E nas miñas redes sociais (tedes as ligazóns na parte superior da páxina), o que me apetece compartir do meu día a día.