Abril Camino » blog » 19 anécdotas confesables sobre «Mulleres que viven xuntas»

19 anécdotas confesables sobre «Mulleres que viven xuntas»
22 de febrero de 2026
Había moito —moitísimo— tempo que non escribía unha destas entradas de bambalinas. Crin, de feito, que nunca volvería escribir unha destas, porque crin que nunca volvería escribir unha novela e, moito menos, publicala. Así que, para festexar que Mulleres que viven xuntas me salvou a carreira (e pode que a vida), aí van esas anécdotas relacionadas coa escritura e publicación da novela que me apetece compartir con vós:
- Comecei a escribir Mulleres que viven xuntas a comezos do mes de setembro de 2023. Para min, setembro é o verdadeiro comezo do ano e nos anos en que eu era produtiva escribindo (2015-2021, máis ou menos) adoitaba comezar novela nesas últimas semanas do verán e primeiras do outono. Pero en 2023 xa nada era coma antes e esta novela non entraba nos meus plans.
Pero ¿por que deixara eu de ser produtiva como autora? Pois as razóns ocuparían unha entrada moito máis longa ca esta. Resumireino en que levaba tempo sentindo que o que escribía non acababa de encaixar. As novelas das que máis orgullosa estaba, as que sentía que máis me representaban coma autora, foran un fracaso en vendas (e iso non só significa que non me reportaran cartos, senón que non gustaban suficiente á xente). E o que si podería funcionar comercialmente nin me apetecía escribilo nin funcionaba en realidade. Así que estaba perdidísima.

- As miñas amigas escritoras repetíanme que tratara de escribir algo para min, sen pensar en editoriais nin en que sería do manuscrito dende que o rematara, senón só no proceso. Eu sabía que iso era o que tiña que facer, pero… a idea non chegaba. Tanto me convenceran dende as editoriais de que era tan ecléctica que o público non sabía que tipo de autora era que eu mesma… non tiña nin idea de que era o que me pedía o corpo escribir.
E, entón, chegou a idea. A IDEA. Poño só maiúsculas, pero un momento tan trascendente debería ir en maiúsculas, fluorescente e con luces de neón. Lembro o proceso á perfección: estaba no salón da miña casa de Foz falando coa miña nai dunha vella historia familiar e… xurdiu. Por primeira vez en dous anos (ou máis), quería escribir unha historia. NECESITABA escribir esa historia.

- Esa mesma noite acendín o portátil e escribín unhas 1.500 palabras. En castelán. Xa quizáis co tono que ten a historia definitiva, pero aínda moi dubitativa. Era lóxico, levaba moito tempo sen escribir. Ao día seguinte planifiquei un pouco a trama e seguín, pero… algo non fluía. E é que non era capaz de desprenderme do pensamento no futuro dese manuscrito: atormentábame pensar en quen querería publicar esa historia, se outras máis «comerciais» tampouco tiñan moitos pretendentes; planificaba unha extensión do manuscrito o máis axeitada posible ás esixencias habituais… e mil cousas máis.
Ata que un día me fartei. Boom. A tomar por saco todo. Xa sospeitaba había días que a causa principal pola que non me fluía a escritura era que a novela me pedía que a escribira en galego. E, se pensaba en escribila nunha lingua na que non tiña editorial nin contactos de ningún tipo, por que non escribila xa de todo coma me dera a gana? E iso fixen.
- Ao final, Mulleres que viven xuntas é unha novela que reúne todas as características que din que son un «lastre» para o éxito dunha novela: historia de amor entre dúas mulleres, novela curta, protagonistas de máis de oitenta anos e escrita nunha lingua periférica. A sorte estaba botada… pero parecía que sería mala sorte.
E mira… non o foi. A novela estivo no caixón máis ou menos un ano, porque non tiña nin idea de que facer con ela. Si que lle dediquei tempo a corrixila tres ou catro veces, a reescribir pedazos, a mellorala na medida que souben… E por que fixen iso se non sabía que futuro tería? Pois, o primeiro, porque teño bastante toc narrativo (concepto inventado pero absolutamente real) e non me gusta ter os manuscritos «sucios» aínda que ninguén os vaia ler. Pero, sobre todo, porque eu cría nesa historia. Volvera atopar nela a voz narrativa que me gustaba e que sentía que usara nas novelas das que máis orgullosa estaba.
- Non houbo moitos días bos, nin no persoal nin no profesional, no meu 2024 e comezos de 2025. Non houbo case ningún. Tiña a autoestima polo chan (ou máis abaixo) e, en concreto, a autoestima literaria… afundidísima. Coido que só tiven un segundo de autoestima profesional en todo ese periodo: o día que vin que estaba aberta a recepción de manuscritos do Premio Xerais de Novela, imprimín as copias que solicitaban, metín todo nun sobre e… xa non tiven forzas para ir a Correos, así que deleguei esa tarefa.
En todas as miñas novelas, sempre teño moito que agradecer á xente que me arrodea, porque sempre axudan, ás veces do xeito máis inesperado. O paquete a Correos levouno o meu mellor amigo, porque a min me fallaban as forzas. Antes diso, as miñas dúas primas pequenas (que xa non son tan pequenas, pero en fin) axudáronme coa corrección, porque esta era a primeira novela que tiña que corrixir sen ter coñecementos profesionais da lingua en que está escrita (xa estamos traballando niso). E despois está miña nai, que me deu a idea, nada menos.
Esta é a primeira novela miña que non poden ler as miñas lectoras cero habituais, porque ningunha é galega, aínda que a dúas delas lles pasei unha versión traducida cutremente. Pensei que me sentiría algo máis soa ca en experiencias de escritura anteriores, pero… non foi así.
- Eu supoño que non moita xente lles presta atención ás dedicatorias das novelas, pero non sabedes os quebracabezas que me dan a min. Con dezanove novelas publicadas, xa CASE lles dedicara algunha das miñas novelas a todas as persoas importantes da miña vida. Case. Quedábanme as miñas primas Ana e Carmen, ás que todo o mundo sabe que adoro. Pero é que, alá polo 2015, prometinme que lles dedicaría a elas a primeira novela que me publicaran en galego. E… iso tardou máis dunha década en chegar.
Cada vez que publicaba unha novelas nestes últimos anos, pensaba en dedicárllela. Pero como non lles ía dedicar unha novela a elas, que son top 4 de persoas más importantes da miña vida? Nunca o fixen, supoño que porque, dentro de min, algo me dicía que esa novela en galego chegaría algún día. E a espera pagou a pena porque, xa o di o texto da dedicatoria: elas e o Xerais son os dous mellores premios que recibín na vida.

- Cando comecei co proceso de edición da novela, flipei moito. MOITO. Despois de anos traballando con editoriais nas que todo sempre ía tarde, nas que me daban entre 10 minutos e 12 horas para revisar as galeradas, en que as correccións chegaban sempre tarde, as cubertas tiñan mil erros e sempre tiña que estar pendiente de que ninguén a liara… descubrín que hai editoriais que traballan ben. Dentro aplauso.
Algo así como dúas semanas despois de que se fallara o Premio Xerais, xa estaba corrixido o manuscrito (a primeira corrección, claro), en marcha a maquetación e xa tiñamos boceto de capa. Perdoa? Que é isto? A xente traballando a bo ritmo coa fin de que unha publicación saia ben? Non dou crédito.
- A ilustración da capa é obra de Andrés Meixide e cando a vin por vez primeira, só pensei: «É exactamente isto». Non lle enviara á xente da editorial ningunha pista sobre o que quería, máis que nada porque non tiña nin idea. E foi como se o ilustrador me lera o pensamento (igual tamén inflúe que leu a novela, cousa que nunca fixera o deseñador de ningunha das miñas cubertas).

- Lembrades cando dixen que esta novela é todo o que ninguén «me deixaba» escribir na miña etapa anterior? Novela curta, dúas mulleres queréndose (pecado!), ton íntimo, nada (o case nada) de sexo, protagonistas maiores…
Vaia… Pois xa é a miña novela máis vendida con editorial. Con moita diferenza. E con só catro meses nas librarías. Igual os departamentos de márketing dos grandes grupos editoriais estatais non o saben todo…
Por certo, tamén é ben curioso que Xerais sexa a única editorial ata o día de hoxe que non me fixo cambiar NADA da trama da novela. Por suposto, houbo correccións e suxestións de mellora, pero ningunha imposición. Tampouco me cambiaron o título, como me pasou en 3 de 4 experiencias editoriais anteriores (e resultou en tres títulos que, na miña —nada humilde— opinión, son infinitamente peores ca os que eu elixira). É bastante irónico, e faime sentir orgullosa, que xusto isto me ocorra na editorial más literaria de todas as que me levan publicado. Gracioso todo, non?
- Falando da capa, hai un dato que me contaron que dá unha idea do nivel de detalle. O vestido que leva Isabel na capa (Isabel é a morena) é un icónico vestido de Biba, a famosa tenda do Londres dos 60 e 70 en que a personaxe traballara antes de volver a Galicia. Outra cousa coa que flipei.

- Se adoitades ler estas entradas sobre bambolinas das miñas novelas, saberedes que algunhas me deron xigantescos dores de cabeza cos títulos, que non me salían nin para atrás. Ben, pois aquí ocorreume o mesmo que con En una casa blanca a la orilla del mar. O nome provisional do arquivo de Word… foi o título definitivo.
Eu comecei a escribir unha historia sobre «Dúas mulleres que viven xuntas coma amigas, pero que en realidad son outra cousa». Así que chamei a ese arquivo MulleresQueVivenXuntas.docx. Cando rematei de escribir, nin siquera tiven que pensar noutro título. Foi ler o nome do documento e decatarme de que xusto así tiña que chamarse.
- Toda a novela está concebida en función de sistemas binarios. Non toleei, tranquilidade. Refírome a que todo o tempo se enfrontan opostos:
– O carácter de Isabel vs. o de Chus.
– Capítulos en presente vs. capítulos en pasado.
– Narrador en primeira persoa vs. narrador en terceira persoa.
– A vida dentro da casa vs. a vida fóra da casa.
Non foi algo 100% planificado dende o comezo, pero moi cedo me decatei de que tiña todo o sentido do mundo.
- Esta é a miña primeira ambientación real en Galicia. Si é verdade que Nuestro último verano en la isla estaba ambientada nunha illa do Cantábrico galego (e que, en moitísimos sentidos, é unha novela que respira Galicia por todas partes), pero non deixaba de ser unha illa ficticia.
E a lingua é a causa pola que nunca ambientara de todo unha historia en Galicia. Nunca fun capaz de concebir unha historia en Galicia escrita en castelán e, por sorte ou por desgraza, eu tiven durante unha década unha carreira en castelán e nunca me funcionaron os intentos de publicar en galego. De feito, con Nuestro último verano en la isla paseino mal nalgunhas pasaxes, porque non podía imaxinar a algúns dos personaxes falando castelán.

- Falando diso…non sei se algún día volverei escribir en castelán. Publicar si, seguro, porque teño catro novelas no caixón e, se seguen sin interesarlle a ningunha editorial, autopublicareinas. De feito, o que máis me apetece é autopublicalas, pero agora mesmo non podo por razóns que non veñen a conto.
Pero escribir en castelán… non me sae. Non só é a lingua na que escribín a maioría das miñas novelas, senón que é a lingua da miña profesión (son licenciada en Filoloxía Hispánica e levo vinte anos corrixindo novelas en español). Pero os procesos mentais do creativo teñen os seus propios camiños e eu teño un bloqueo que me lembra todo o mal que o pasei na última época da miña carrera en castelán.

- Non é unha sorpresa para ninguén que me coñeza e lera algunhas das miñas novelas anteriores que nalgún punto da trama viaxemos a Londres. Nesta ocasión, por primeira vez, ese Londres non é o contemporáneo (aínda que nunha escea, unha das miñas favoritas da novela, si o é), senón o dos anos 60 e 70. Levo toda a vida dicindo que, se puidera viaxar a calquera lugar e momento histórico, marcharía a ese Londres do mod, de Twiggy, do primeiro Camden, da minisaia, de Biba, dos Minis coa Union Jack no teito e a banda sonora dos Beatles, os Who ou os Small Faces.
- A aldea na que se ambienta a novela é real? É unha pregunta que me fixeron moitas veces nestes últimos meses.
Resposta rápida: non.
Resposta algo máis elaborada: non, pero poden ser moitas.
Dende que publiquei o libro, levo recibido moitas mensaxes nas que algunhas persoas me falan das «mulleres que vivían xuntas» na súa vila ou aldea. Hai incluso xente convencida de que a historia que eu escribín está baseada na mestra da súa aldea e a súa «amiga». Se iso non nos fai pensar en cantísimas historias pode haber agochadas tras de moitos anos de silenzo e prexuízos…
- Por certo, unha desas historias é moi coñecida por todos, a lo menos en Galicia. É a historia de Elisa e Marcela, que protagonizaron o primeiro matrimonio entre dúas persoas do mesmo sexo en España (cunha delas disfrazada de home), aquí mesmo, na Coruña. Aínda que é unha historia que ocorreu moito antes, arrepiábame que a xente pensase que estaba escribindo unha especie de retelling da historia de Elisa e Marcela. Non axudou que fora o primeiro que lle veu á mente á (insoportable da) miña prima Ana cando lle falei de novela.
Curiosamente, ninguén mo mencionou nos meses que levo xirando coa novela e teño encontros con lectores.

- Quizais o máis grande reto ao que me enfrontei ao escribir esta novela foi a asimetría tan enorme entre o tempo interno da novela e a súa extensión. Explícome: eu sempre escribira novelas curtas que comprendían un curto espazo de tempo na narración (por exemplo, La vida después de ella, que narra unha historia que ocorre en catro días). E escribira novelas largas que comprendían un grande espazo de tempo (por exemplo, #ProyectoGuerra, aínda sen publicar, que é a miña novela máis longa, arredor de 170.000 palabras, porque narra un periodo de 33 anos da historia de Europa).
Porén, en Mulleres que viven xuntas, narrei nunhas 30.000 palabras (140 páxinas en formato papel) un periodo de tempo que comeza en 1953 e acaba na actualidade. Iso foi todo un reto e… vouno dicir: coido que o solventei con bastante éxito.
- E remato co que xa todos sabedes que ocorreu con esta novela. Un día de maio, recibín unha chamada que me cambiou a carreira e, quizais, me salvou a vida. Mulleres que viven xuntas gañara o Premio Xerais de Novela 2025. Aínda hoxe me custa crelo. E non podo evitar deixar por aquí os discurso de aceptación do premio. Dixen nel todo o que levaba moito tempo sentindo, dende o máis fondo do meu corazón:
Se aínda non liches Mulleres que viven xuntas, podes atopala nos seguintes enlaces en formato ebook ou papel (tapa branda). Se prefires mercalo na túa libraría de confianza, podes ver aquí a dispoñibilidade na túa localidade. Tamén en calquera deses enlaces podes ler a sinopse da historia, para acabares de decidirte.


